Plataforma de Afectadaspola Hipoteca de Pontevedra

Inicio / Vivenda protexida e Rexistro de Demandantes

Vivenda protexida

Vivenda protexida e Rexistro de Demandantes

Como inscribirte para optar a unha vivenda pública en Galicia, que requisitos se piden e por que che convén facelo xa.

A vivenda protexida é a única vivenda que se adxudica por requisitos e sorteo, non por quen pode pagar máis. Para optar a ela en Galicia hai un único camiño: estar inscrita no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda do IGVS. Hai poucas e as listas son longas, por iso convén inscribirse canto antes, aínda que penses que nunca che vai tocar.

Por que che interesa inscribirte aínda que haxa pouca vivenda:o xustificante da inscrición demostra que estás a buscar alternativa habitacional. Os servizos sociais e os xulgados téñeno en conta cando pides parar un desafiuzamento, e a guía do decreto 29/2026 recoméndao entre os papeis que levar á avogada.

Que é a vivenda protexida

Son vivendas con prezo de venda ou de alugueiro limitado pola Xunta, que teñen que ser a vivenda habitual e permanente de quen as recibe. Hai dous grandes tipos:

  • Vivenda de promoción pública (VPP): promóvea ou adquíre o propio IGVS ou outros promotores públicos. Pódese acceder en alugueiro, compra, alugueiro con opción de compra, acceso diferido á propiedade ou copropiedade coa Administración.
  • Vivenda de protección autonómica (VPA): constrúena promotores públicos ou privados, cooperativas ou particulares, e a Xunta cualifícaa como protexida. Ten prezos máximos e réximes especial, xeral e concertado.

Tanto nunha como noutra está prohibido subalugar ou usala como segunda residencia, salvo excepcións. Máis información na web do IGVS: Vivenda protexida ↗.

Quen pode inscribirse

  • Persoas maiores de idade que residan en Galicia, incluídas as emigrantes retornadas.
  • Que ninguén da unidade familiar teña vivenda en propiedade ou un dereito de uso sobre ela. Hai excepcións: se a túa vivenda é insuficiente (menos de 10 m² útiles por persoa) ou inadecuada, se estás nun desafiuzamento que non che é imputable, se perdeches o uso dela por causas alleas…
  • Que os ingresos ponderados da unidade familiar non pasen do límite de cada tipo de vivenda:
Tipo de vivendaModalidadeIngresos máximos
Promoción pública (VPP)Xeral4 veces o IPREM
Promoción pública (VPP)Familias numerosas4,5 veces
Promoción pública (VPP)Núcleos rurais e conxuntos históricos5,5 veces
Protección autonómica (VPA)Réxime especial4,5 veces
Protección autonómica (VPA)Réxime xeral5,5 veces
Protección autonómica (VPA)Réxime concertado6,5 veces
Protección autonómica (VPA)Aloxamentos protexidos4,5 veces

Os ingresos pondéranse segundo o tamaño da familia: multiplícanse por 1 se vives soa, 0,75 se sodes dúas persoas, 0,68 se sodes tres, 0,67 se sodes catro e 0,65 se sodes cinco ou máis. Se hai unha persoa con discapacidade, aplícase o coeficiente seguinte. Para comprar tes que ter uns ingresos mínimos de 0,7 veces o IPREM. Táboa oficial de 2026: ingresos ponderados (PDF) ↗.

Como inscribirse, paso a paso

  1. Decide o que pides. O tipo de vivenda (VPP, VPA ou as dúas), o réxime que prefires (alugueiro, compra ou alugueiro con opción de compra) e ata tres concellos: un preferente e dous máis que sexan limítrofes ou da mesma zona. Para VPP do IGVS, o preferente ten que ser onde vives ou traballas. Se cumpres requisitos para outros tipos, anótanse tamén.
  2. Cubre a solicitude (Anexo I) e a declaración da túa unidade familiar (Anexo II). A Xunta consulta ela mesma o DNI, o padrón, o catastro e a renda, salvo que te opoñas.
  3. Preséntaa en liña na sede electrónica da Xunta (procedemento VI428C) ↗, con Chave365 ou certificado dixital. Ou en persoa en calquera rexistro oficial (o do teu concello, por exemplo).
  4. Garda o xustificante. É o papel que che serve para os servizos sociais e o xulgado.
Ollo en Pontevedra:a Área Provincial do IGVS (rúa Alcalde Hevia, 7; 986 805 610 / 986 805 611 / 986 805 098) atende e informa, pero non ten rexistro: a solicitude en papel tes que entregala no rexistro do concello ou noutro rexistro oficial. A inscrición está aberta todo o ano.

Despois de inscribirte

  • Resposta: o IGVS ten tres meses para inscribirte. Se non contesta, enténdese denegada (silencio negativo): se pasan os tres meses, pregunta.
  • Dura tres anos. A data de fin vén na notificación. Renóvaa nos tres meses anteriores ou caduca e perdes a antigüidade. Como renovar (PDF) ↗.
  • Comunica calquera cambio (enderezo, ingresos, persoas que viven contigo). Se non o fas, poden darte de baixa.
  • Coidado coas renuncias: se che adxudican unha vivenda e a rexeitas sen motivo, quedas fóra un ano.

Como se adxudican

As vivendas repártense por sorteo ante notario entre as persoas inscritas para ese concello. Publícanse listas provisionais de adxudicatarias e de reserva, e hai dez días para reclamar se cres que hai un erro. Cada promoción pode reservar vivendas para persoas con mobilidade reducida, familias numerosas, familias monoparentais, menores de 36 anos ou maiores de 65, vítimas de violencia de xénero e vítimas do terrorismo.

Os sorteos abertos publícanse en Adxudicacións e sorteos ↗, e cantas persoas piden vivenda en cada concello, en estatística de demandantes ↗.

Consellos da PAH

  • Inscríbete xa, aínda que non teñas présa: a inscrición é gratuíta e non te obriga a nada.
  • Marca alugueiro se os teus ingresos son baixos: é onde máis posibilidades reais hai.
  • Pon tres concellos, non só un. Canto máis amplo, máis opcións.
  • Apunta no calendario cando caduca e renóvaa a tempo.
  • Se tes un desafiuzamento, leva o xustificante aos servizos sociais e á avogada. E pide tamén o Bono de Alugueiro Social.

Fontes oficiais: IGVS: Rexistro de Demandantes de Vivenda, IGVS: Vivenda protexida. Datos consultados o 20 de outubro de 2026; os límites cambian cada ano co IPREM.

WhatsApp