Novo decreto 29/2026: que cambia nos desafiuzamentos e no alugueiro
En vigor desde o 8 de outubro. Se te demandan por non poder pagar o alugueiro e es vulnerable, a Administración ten 2 meses para darche outra vivenda ou pagar a débeda, sexa quen sexa o caseiro; se non o fai, non hai desafiuzamento. Fronte a fondos e outros grandes propietarios, o xuíz pode parar o desafiuzamento ata 2030. Tamén serve se xa tes data de lanzamento.
Ollo: está pendente de convalidación e pode caer. Pídeo por escrito no xulgado canto antes.
Todo sobre o decreto, explicado →Antes de empezar
Esta guía resume a experiencia acumulada polas asembleas da PAH desde 2009 sobre o que pasa cando deixas de pagar a hipoteca. A clave é organizármonos: a lei segue a deixar en mans do banco a decisión final de se un caso se resolve ou non.
Coidado cos voitres! Calquera persoa ou empresa que che diga que, a cambio de diñeiro, che soluciona o problema, estáche a mentir. A asesoría da PAH é de balde.
Calma, moita calma. Ninguén vai ao cárcere por non pagar unha hipoteca, e unha execución hipotecaria tarda meses, a miúdo máis dun ano. Hai tempo para pensar que facer. Prioriza a túa saúde e a da túa familia: sempre se pode facer algo, e máis se vés á asemblea.
Fase 1: cando deixas de pagar
Aínda non hai procedemento xudicial. O teu interlocutor é o banco e con el tes que negociar. Mentres pagas, o banco dificilmente che ofrecerá alternativas: o máis habitual é que a negociación seria empece cando deixas de pagar.
Decide que solución queres e faite respectar
Se a dificultade é puntual, pode abondar cunha carencia (pagar só xuros durante un tempo). Se é grave e longa, a maioría das persoas prefire a dación en pagamento (entregar a vivenda e cancelar toda a débeda), se é posible cun alugueiro social na mesma casa. A primeira vez diranche que é imposible. É o normal: insiste.
Coidado coas refinanciacións e cos préstamos persoais que che ofreza o banco. Case sempre son pan para hoxe e fame para mañá: alongan a débeda, engaden gastos e ás veces pídenche meter avalistas. Non metas un familiar como avalista: quedaría atado á túa débeda.
Non asines nada que non entendas. Pide todas as propostas por escrito e tráeas á asemblea.
Como negociar co banco
- Leva a túa proposta por escrito e con dúas copias: unha para o banco e outra que che selen. Podes usar o modelo de solicitude de dación en pagamento.
- Se o director di que non depende del, pídelle que o envíe á central coa súa recomendación.
- Sube o ton aos poucos: insistir por escrito, reclamar ao servizo de atención ao cliente do banco e despois ao Banco de España, xuntar un informe dos servizos sociais e, se fai falta, accións colectivas da PAH.
- Pregunta na asemblea se o teu banco está adherido ao Código de Boas Prácticas bancarias e se cumpres os seus requisitos. Se o está e estás no «limiar de exclusión» (ingresos de ata tres veces o IPREM, con máis marxe se hai discapacidade, e un empeoramento ou unha situación de especial vulnerabilidade nos últimos catro anos), primeiro tes dereito a pedir unha reestruturación da débeda. Se non é viable, nos vinte e catro meses seguintes o banco está obrigado a aceptar a dación en pagamento e a débeda queda cancelada (Real Decreto-lei 6/2012, reformado polo 19/2022).
Cando deixar de pagar?
Só ti podes decidilo. Desde a nosa experiencia: ningunha casa, ningunha hipoteca e ningún banco merece o sacrificio da túa familia. Nunca deixes de cubrir comida, luz ou auga para pagar a cota. E non creas o “vai poñendo o que poidas”: se non pagas a cota enteira, ese diñeiro non frea os xuros de demora nin o procedemento, salvo que pactes por escrito unha redución.
Se estás en Pontevedra
Acode aos servizos sociais do teu concello en canto teñas dificultades graves. Ademais de axudas, o informe de vulnerabilidade que emiten é a proba principal para pedir suspensións máis adiante.
Fase 2: dentro do procedemento
O banco inicia a execución para reclamar a débeda. Pase o que pase, segue negociando: o banco pode parala e chegar a un acordo en calquera momento.
Vencemento anticipado
Desde a Lei 5/2019 de crédito inmobiliario, o banco só pode reclamarche toda a hipoteca de golpe se os impagamentos suman, na primeira metade do préstamo, o 3 % do capital ou 12 cotas mensuais; e na segunda metade, o 7 % ou 15 cotas. Ademais ten que avisarte antes e darche un mes para poñerte ao día. Revisa coa asemblea se no teu caso se cumpre.
A demanda e a oposición
Cando che notifican a demanda de execución, tes 10 días para opoñerte. Desde 2013 podes alegar, entre outras cousas, que hai cláusulas abusivas na túa hipoteca (xuros de demora, cláusula chan, vencemento anticipado, IRPH…). Por iso é tan importante ter avogada desde o primeiro momento.
Pide xustiza gratuíta xa
Tes dereito a avogada e procuradora de oficio se os teus ingresos non superan o dobre do IPREM se vives soa, 2,5 veces se a túa unidade familiar ten menos de catro membros e 3 veces se ten catro ou máis ou é familia numerosa (artigo 3 da Lei 1/1996). En casos excepcionais pódese recoñecer ata con 5 veces o IPREM (artigo 5). Pídea en liña na sede da Xunta (PR204A), na oficina da Xunta en Pontevedra ou Vigo, no Colexio da Avogacía ou no xulgado, e comunícallo ao xulgado para que se paren os prazos mentres se resolve. Se cha denegan, podes impugnalo (PR204B). Explicámoscho paso a paso en Xustiza gratuíta. Se a túa avogada de oficio non te informa ou non defende os teus intereses, podes pedir un cambio ao Colexio.
Grandes tenedores: que cambiou
A Lei de Vivenda de 2023 obrigaba os grandes tenedores (máis de 10 vivendas ou máis de 1.500 m² residenciais) a intentar unha conciliación ou intermediación coa Administración antes de executar a hipoteca dunha persoa vulnerable. O Tribunal Constitucional anulou ese requisito en xaneiro de 2025, así que xa non frea a demanda. Co Real Decreto-lei 29/2026, a demanda de execución ten que indicar se a casa é a túa vivenda habitual e se o banco é gran tenedor, e fronte a fondos e grandes tenedores ese mesmo decreto reforza a suspensión do desaloxo para persoas vulnerables.
Suspensión do lanzamento (Lei 1/2013)
Se é a túa vivenda habitual e estás nunha situación de especial vulnerabilidade (por exemplo: familia numerosa ou monoparental, menores ao teu cargo, discapacidade ou dependencia, debedora no paro, vítima de violencia de xénero ou debedora maior de 60 anos) e os ingresos da familia non superan uns límites ligados ao IPREM, podes pedir que se suspenda o desaloxo. Esta suspensión está prorrogada ata o 15 de maio de 2028 (Real Decreto-lei 1/2024). Se xa cha concederon antes, non se alonga soa: segundo o Tribunal Supremo, tes que pedir a ampliación ao xulgado antes de que venza o prazo do teu auto. Modelo: solicitude de suspensión pola Lei 1/2013.
A poxa
Se non hai acordo, a vivenda sae a poxa no portal de poxas do BOE. Cando é vivenda habitual e ninguén puxa, o banco quédaa polo 70 % do valor de taxación para a poxa, ou polo que se deba se é menos, pero nunca por baixo do 60 %. A diferenza co que debías segue a ser débeda. Podes asistir á túa poxa.
Vía notarial (extraxudicial)
Algunhas escrituras permiten ao banco executar ante notario. Se che chega unha notificación dunha notaría, tráea á asemblea canto antes: os prazos son máis curtos. O notario non pode desafiuzarte: para iso o banco ten que ir ao xulgado.
Fase 3: despois da poxa
Tras a poxa hai dous problemas: a débeda que queda e a ameaza de desafiuzamento. Ningún é automático. Para embargarte ou desaloxarte, o banco ten que pedilo ao xulgado e teñen que notificarcho.
A débeda restante
- Esixe a condonación. O banco pode perdoarche a débeda cando queira, e a PAH conseguiu moitas condonacións. Modelo: solicitude de condonación ao banco.
- O embargo ten límites. Non che poden embargar a parte do soldo ou da pensión que non supere o salario mínimo (1.221 € ao mes en 2026); a partir de aí embárgase por tramos e menos se tes cargas familiares. Modelo para que se respecten os límites.
- Segunda oportunidade. A débeda que queda despois da poxa pódese perdoar coa Lei de Segunda Oportunidade, moito máis accesible desde a reforma de 2022. Explicámolo todo na nosa guía da segunda oportunidade.
- Impostos. Se perdes a túa vivenda habitual por dación en pagamento ou execución hipotecaria, a lei prevé que non pagues plusvalía municipal nin IRPF por esa “ganancia”, se cumpres os requisitos. Se cho reclaman igual, tráeo á asemblea.
Fronte ao desafiuzamento
- Non pode pasar por sorpresa. A resolución ten que fixar día e hora exactos do lanzamento e notificarcho.
- Pide a suspensión co informe dos servizos sociais: pola Lei 1/2013 se cumpres os seus requisitos, e polo Real Decreto-lei 29/2026 se estás en situación de vulnerabilidade sen alternativa habitacional. Tamén existe o aprazamento polo artigo 704 LAC.
- Servizos sociais. O concello ten que buscar unha alternativa para que non quedes na rúa. Insiste aínda que che digan que non hai pisos.
- Stop Desafiuzamentos. Se se esgotan as vías, a PAH organiza concentracións pacíficas na porta para parar o desafiuzamento e forzar unha negociación. Avísanos con tempo.
Lembra a lección que aprendemos nestes anos: cando parece que todo está perdido, todo está por gañar.
Documentos útiles
Case todos son modelos nosos, en galego e en castelán, e algúns da PAH estatal. Enchéos cos teus datos, entrega sempre unha copia e pide que cha selen, e mellor se os revisamos antes xuntas na asemblea.
- Se non podes pagar a hipoteca. Guía 2026 (PAH Pontevedra)A guía actualizada: leis vixentes en outubro de 2026
- Libro Verde da PAH: HipotecaGuía básica de todo o proceso (edición 2020, en castelán)
- Pedir o informe de vulnerabilidade aos servizos sociaisModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Xustiza gratuíta: solicitude en liña (Xunta, PR204A)Tamén en persoa na oficina da Xunta en Pontevedra ou Vigo
- Comunicar ao xulgado que pediches xustiza gratuítaModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Impugnar a denegación da xustiza gratuítaModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable). Preséntase na sede da Xunta (PR204B), en dez días
- Solicitude de dación en pagamento e alugueiro socialModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Suspensión do lanzamento pola Lei 1/2013 (ata 2028)Modelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Aprazamento do lanzamento (art. 704 LAC)Modelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Execución hipotecaria: suspensión do lanzamento cando executa un fondo (decreto 29/2026)Modelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable). Tamén se se quedou a casa por menos do 70 %
- Recurso contra un lanzamento con data abertaModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable). Cinco días para presentalo
- Solicitude de quita ao bancoModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Pedir ao banco o desagregado da débedaModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Cargas posteriores: que as asuma o bancoModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Cargas posteriores: que as rebaixe quen as tenModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Acto de conciliación co banco ou o fondoModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable). Sen avogada
- Exención ou devolución da plusvalía tras a daciónModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- IRPF: que a dación non tributeModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Modelos para pedir a suspensión do desafiuzamento (RDL 29/2026)PAH estatal, outubro de 2026
- Condonación da débeda que queda tras a poxaModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Límites do embargo de soldo ou pensiónModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Reclamación ao banco e ao Banco de EspañaModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable)
- Suspensión urxente do lanzamento: dereitos humanos e Comité DESC da ONUModelo da Comisión Xurídica da PAH (Word, editable). Cando xa hai data e non tes onde ir
- Arquivo de documentos da PAH estatalModelos históricos (2012–2017): cláusulas abusivas, kit fiscal, IRPH… Algúns están desfasados: revísaos na asemblea
Resolucións xudiciais
Arquivo de autos e sentenzas de 2013 que abriron camiño contra as cláusulas abusivas. Consérvanse como referencia histórica: a xurisprudencia avanzou moito desde entón.
Cláusula chan (2013)
- Auto XPI nº 38 de Barcelona, 1 de outubro de 2013
- Auto XPI nº 6 de Córdoba, 21 de outubro de 2013
- Auto XPI nº 4 de Granollers, 16 de setembro de 2013
- Sentenza do Xulgado do Mercantil nº 10 de Barcelona, 2 de outubro de 2013
- Auto XPI nº 7 de Collado Villalba, 5 de setembro de 2013
- Resolución da DXRN, 13 de setembro de 2013
Xuros de demora (2013)
Actualizado o 19 de outubro de 2026. As leis de vivenda están a cambiar moi á présa. Esta información é orientativa e non substitúe o asesoramento dunha avogada no teu caso concreto. Se ves algo desactualizado, escríbenos.