Unha casa non é só catro paredes. Para que sexa un fogar fai falta auga para beber e lavarse, luz, algo para cociñar e quentarse, que as augas sucias marchen por onde deben e, hoxe, tamén internet. Cando un destes servizos falla porque non dá o diñeiro, a vida enteira se complica. Esta guía repasa os cinco, un por un: para que serven, quen cos dá, que dereitos tes se non podes pagar e que axudas hai en Galicia.
Se queres entendelo a fondo, con cifras de Galicia e todo o que pedimos, le o noso informe Frío na casa: a pobreza enerxética en Galicia e en Pontevedra (PDF).
Os cinco servizos básicos dunha casa
| Servizo | Para que serve | Quen cho dá | Axuda principal |
|---|---|---|---|
| Auga potable | Beber, cociñar, a hixiene e a saúde de cada día. | O concello ou a empresa á que llo encarga. | Exención ou rebaixa do canon da auga da Xunta e tarifas sociais municipais. |
| Electricidade | A luz, os electrodomésticos e, en moitas casas, a calefacción. | A túa comercializadora. | Bono social eléctrico. |
| Gas e combustibles | Cociñar, a auga quente e a calefacción. | A comercializadora de gas, ou a bombona de butano. | Bono social térmico. |
| Saneamento | Levar as augas residuais e as da choiva fóra da casa. | O concello e Augas de Galicia, que depura. | As mesmas exencións que o canon da auga. |
| Internet e teléfono | Traballar, estudar, pedir cita, falar coa familia. | A túa operadora. | Tarifas sociais e abono social. |
O que vale para todos
Antes de ir servizo por servizo, tres cousas que serven sempre:
- Os servizos sociais do concello son a primeira porta. Poden pagar facturas atrasadas con axudas de emerxencia, facer o informe de vulnerabilidade e acreditar a túa situación ante as compañías. Pídeo sempre por escrito e garda a copia selada.
- Ata o 31 de decembro de 2026 hai unha protección extra. O Real Decreto-lei 7/2026, de 20 de marzo, convalidado polo Congreso, estende a garantía de subministración de auga e enerxía aos fogares vulnerables, vulnerables severos ou en risco de exclusión social. É temporal: en xaneiro de 2027 contarémosche se se prorroga.
- Ningunha compañía pode cortar sen avisar por escrito. Cada servizo ten as súas regras, pero en todos hai un aviso previo e uns prazos. Se non os cumpren, o corte é irregular e podes reclamar.
Auga potable
A auga é un dereito humano recoñecido polas Nacións Unidas desde 2010. Sen ela non hai hixiene, nin comida, nin saúde. Por iso, se tes problemas co recibo, non o deixes correr.
Que pagas no recibo
O recibo ten dúas partes: a do concello ou a empresa que xestiona a auga, e o canon da auga da Xunta, que xestiona Augas de Galicia. Para o canon, o regulamento galego (Decreto 136/2012) ten dúas axudas:
- Exención total se os ingresos de toda a unidade de convivencia non superan o IPREM e alguén cobra a RISGA, unha pensión non contributiva de invalidez ou xubilación, ou está sen traballo e sen recursos. Pídese a Augas de Galicia cun informe dos servizos sociais do concello feito nos quince días anteriores (artigos 25 e 26).
- Un 50 % menos para as familias numerosas, na vivenda onde estean empadroadas (artigos 23 e 24).
Se Augas de Galicia non responde en seis meses, enténdese concedida. A parte municipal depende de cada concello: moitos teñen tarifa social ou bonificacións. Pregunta nos servizos sociais ou na oficina da compañía.
Se non podes pagar
As regras para cortar a auga dependen do regulamento do servizo de cada concello. O que si vale en toda España este ano é a garantía do Real Decreto-lei 7/2026 para os fogares vulnerables. Vai aos servizos sociais co recibo, pide por escrito que paguen ou que a compañía fraccione a débeda, e reclama se che cortan sen aviso.
Electricidade
Antes dun corte hai un camiño
A compañía non pode cortarche a luz dun día para outro. Ten que mandarche un requirimento de pagamento por un medio que deixe constancia (burofax, correo certificado ou medio electrónico con sinatura). Desde ese aviso teñen que pasar polo menos dous meses, ou catro se tes o bono social. Quince días hábiles antes do corte, teñen que volver avisarte coa data exacta. Nunca poden cortar nun festivo nin na véspera. E a compañía comunica o impagamento á Xunta para que os servizos sociais poidan intervir (artigo 19 do Real Decreto 897/2017).
Cando non che poden cortar
Hai dous casos nos que a lei considera o teu subministro esencial e non se pode cortar por débeda (artigo 52.4 da Lei 24/2013 do sector eléctrico e artigo 20 do Real Decreto 897/2017):
- Se tes o bono social e no fogar hai un menor de 16 anos, ou alguén con dependencia recoñecida de grao II ou III, ou cunha discapacidade do 33 % ou máis. Hai que acreditalo cun documento dos servizos sociais.
- Se es vulnerable severa e os servizos sociais do concello ou da Xunta pagan polo menos a metade da túa factura.
O bono social eléctrico
É un desconto na factura da luz. Só se aplica se tes contratada a tarifa regulada (PVPC) cunha comercializadora de referencia; se estás no mercado libre, primeiro hai que cambiar de contrato. As comercializadoras de referencia son estas (teléfonos segundo o INEGA): Energía XXI, 800 760 333; Curenergía, 900 200 708; Comercializadora Regulada Gas & Power, 900 100 283; Baser, 900 902 947; e Régsiti, 900 101 005. Os formularios están na web oficial do bono social ↗.
Podes pedilo se cumpres unha destas condicións:
- Ingresos do fogar de ata 1,5 veces o IPREM de 14 pagas, máis 0,3 por cada adulto adicional e 0,5 por cada menor. O límite sobe un punto máis (8.400 euros) se hai discapacidade do 33 % ou máis, violencia de xénero, terrorismo, dependencia de grao II ou III, ou se é unha familia monoparental.
- Ser familia numerosa.
- Ser pensionista coa pensión mínima e non ter outros ingresos de máis de 500 euros ao ano.
- Cobrar o Ingreso Mínimo Vital.
Durante todo 2026 o desconto é do 42,5 % para fogares vulnerables e do 57,5 % para vulnerables severos, ata un límite de consumo anual (Real Decreto-lei 7/2026). Segundo o Ministerio, desde 2027 baixará ao 35 % e ao 50 %. O bono dura dous anos e hai que renovalo polo menos quince días hábiles antes de que caduque. Se non o renovas, pérdese.
Gas e outros combustibles
En Galicia moitas casas cociñan e quentan a auga con butano, outras con gas natural, gasóleo ou leña, e outras todo con electricidade. Para todas hai unha mesma axuda: o bono social térmico.
O bono social térmico
Se tes o bono social eléctrico a 31 de decembro, ao ano seguinte cobras tamén o bono social térmico, unha axuda para calefacción, auga quente ou cociña, sexa con gas, gasóleo, butano ou electricidade. Non hai que pedilo: págao a Xunta nun único pagamento ao ano directamente na túa conta (Real Decreto-lei 15/2018, artigos 8 a 10). A contía depende da zona climática e do teu grao de vulnerabilidade; en 2025 foi de arredor de 138 a 397 euros. Para 2026, o Real Decreto-lei 7/2026 sobe a axuda mínima e engade 90 millóns de euros aos 335 previstos para toda España. Coida que o teu número de conta estea ben: se a Xunta che manda unha carta para validar os datos, contéstaa.
Se tes gas natural e non podes pagar
Se tes a tarifa regulada de último recurso (TUR), a compañía ten que seguir un procedemento: requirimento de pagamento fidedigno, que diga a data a partir da cal se cortará, e polo menos dous meses desde ese requirimento sen pagar. Non pode cortar nun festivo nin na véspera, e cando pagas teñen que repoñer o gas en 48 horas como moito (artigo 57 do Real Decreto 1434/2002). No mercado libre manda o contrato, pero se a comercializadora o rescinde ten que avisarte por escrito con polo menos seis días hábiles, e podes pedir pasar á tarifa regulada para que non che corten (artigo 55). O Tribunal Supremo confirmou en 2017 unha multa dun millón de euros a unha compañía por cortar sen cumprir estes pasos. Este ano, ademais, os fogares vulnerables están protexidos pola garantía de subministración de enerxía do Real Decreto-lei 7/2026.
Butano
A bombona non ten contrato nin recibo, así que non hai corte: o problema é poder comprala. O bono social térmico serve tamén para isto. Se un mes non chega, os servizos sociais poden axudar cunha axuda de emerxencia.
Saneamento e sumidoiros
O saneamento leva as augas sucias e as da choiva fóra da casa e cara á depuradora. Non se ve, pero sen el non hai saúde nin casa habitable.
- No recibo pagas o coeficiente de verteduras de Augas de Galicia e, segundo o concello, unha taxa de sumidoiros. O coeficiente ten as mesmas exencións que o canon da auga: se che conceden a exención por estar en exclusión social, tampouco pagas esta parte (artigo 66 do Decreto 136/2012).
- Se a túa casa non vai á rede, por exemplo porque ten fosa séptica, e cóbranche igualmente o coeficiente de verteduras, podes pedir a Augas de Galicia que deixen de aplicarcho, acreditando que non vertes a un sistema que xestiona ela (artigo 67).
- Se vives de alugueiro e hai atascos, filtracións ou humidades por unha avaría da instalación, a reparación correspóndelle ao propietario. Pídea por escrito. Explicámolo na páxina de alugueiro.
Internet e teléfono
Hoxe sen internet non pides cita no médico, non falas co colexio dos nenos, non buscas traballo nin fas trámites coa Administración. A lei recoñéceo: a Lei 11/2022 xeral de telecomunicacións garante a todo o mundo, viva onde viva, unha conexión fixa a internet de polo menos 10 megas e chamadas de voz a un prezo asequible. Ese é o servizo universal (artigo 37).
Axudas
- Tarifas sociais. Todas as operadoras de internet e teléfono fixo teñen que ofrecer tarifas especiais a persoas con rendas baixas ou necesidades sociais especiais, entre elas un abono social para a voz, outro para internet e un terceiro cos dous xuntos. E a lei di que hai que evitar a desconexión inxustificada destas persoas (artigo 38). Pregúntalle á túa operadora e pídeo por escrito.
- Abono social de Telefónica. Para xubilados e pensionistas cunha renda familiar que non supere o 120 % do IPREM: un 70 % de desconto na alta e un 95 % na cota mensual da liña fixa.
- Bonos dixitais. A Xunta convocou en 2024 bonos de ata 20 euros ao mes durante un ano para contratar banda ancha, dentro do programa estatal UNICO. Aquela convocatoria xa pechou; se sae outra, contarémolo aquí.
- O que vén. O Goberno prepara un novo regulamento do servizo universal que obrigaría a todas as operadoras a ofrecer un desconto de polo menos o 25 % a fogares con rendas baixas e a quen cobra o Ingreso Mínimo Vital. A previsión é que entre en vigor en 2027; aínda non está aprobado.
Se non podes pagar
Segundo a carta de dereitos das persoas usuarias de telecomunicacións (Real Decreto 899/2009), no teléfono fixo un atraso de máis dun mes pode levar, despois de avisarte, a unha suspensión temporal: aínda así, teñen que manterche todas as chamadas entrantes e as saíntes a emerxencias, e se reclamas é a operadora quen ten que probar que te avisou (artigo 19). A baixa definitiva só pode chegar con máis de tres meses de atraso ou despois de dúas suspensións, e tamén con aviso previo (artigo 20). Se o que non pagas é internet, só che poden suspender internet. No móbil, mira o que di o teu contrato.
Se che chega un aviso de corte, por orde
- Non tires a carta. Mira a data: é a que conta para os prazos.
- Vai canto antes aos servizos sociais co aviso e a última factura. Pide por escrito que paguen a débeda ou parte dela e que fagan o informe de vulnerabilidade. Ese papel serve tamén para os bonos sociais, para o canon da auga e para o xulgado se tes un desafiuzamento.
- Se é a luz e no fogar hai menores de 16 anos, dependencia ou discapacidade, pide tamén o documento que o acredita. Co bono social, ese papel impide o corte.
- Pide o bono social se aínda non o tes: alarga o prazo da luz a catro meses, abarata a factura e dá dereito ao bono térmico.
- Reclama por escrito se a factura está mal ou o aviso non cumpre os prazos, e garda copia. Para reclamar á compañía podes acudir a unha asociación de consumidores como FACUA.
- Tráeo á asemblea. Non tes que pelexar soa coa compañía.
Pequenos trucos que si axudan
- Revisa a potencia contratada da luz: se é máis da que usas, pagas de máis todos os meses.
- Se tes tarifa regulada, pon a lavadora e o forno nas horas máis baratas.
- Desconfía de quen vén á porta ou chama por teléfono para cambiarte de compañía. Pide sempre a oferta por escrito e non asines nada no momento.
- Revisa os recibos da auga: se tes fosa séptica e che cobran saneamento, ou se es familia numerosa e non che aplican a rebaixa, reclama.
Quen pode axudarte
- Servizos sociais do teu concello, para o informe, as axudas de emerxencia e o pagamento de facturas.
- Augas de Galicia, para as exencións do canon da auga e do coeficiente de verteduras.
- FACUA ↗, para reclamar facturas e prácticas abusivas das compañías.
- E nós: escríbenos e vémolo na asemblea.
Revisado en outubro de 2026. As contías e os descontos cambian a miúdo co que aproba o Goberno: se ves un dato desactualizado, avísanos.