Novas
Manifesto e reivindicacións da PAH ante as eleccións xerais do 23 de xullo
· Publicado orixinalmente no blog da PAH Pontevedra. A información legal desta entrada pode estar desactualizada.
Terminou a lexislatura anterior coa aprobación da primeira lei estatal de vivenda que, aínda que se denomina Lei polo Dereito á Vivenda, está moi lonxe de garantir o exercicio deste Dereito Humano e fundamental. Se tras as pasadas eleccións autonómicas, e o ascenso da dereita e a extrema dereita aos gobernos, todo apuntaba á inaplicación desta lei, a pesar da súa debilidade, Feijóo, como antes fixo Vox, incluíu explicitamente no seu programa de goberno a súa derrogación, o que demostra, unha vez máis, o repelús que ás dereitas xéralles o dereito á vivenda, e as súas simpatías e apoios aos especuladores. Non esquezamos que Junts tamén votou en contra.
A lei, agora en vigor, é un paso, leve, pero un paso na dirección de antepoñer o Dereito Humano á vivenda á especulación depredadora vixente. Con todo, e aínda que se puidese reeditar un goberno progresista tras as eleccións, a lei non se aplicaría nas CC.AA gobernadas polas dereitas, polo que medidas como a declaración de zonas tensionadas para limitar as subidas dos alugueiros, que non van ser reguladas e quedarán moi lonxe do goce da inmensa maioría da poboación, ou como os procedemento de conciliación ou intermediación que para ese efecto deben establecer as Administracións Públicas…
Por iso, e para animar o voto a opcións progresistas, reclamamos o compromiso destas para reformala, de maneira que se impida o bloqueo na maioría das CC.AA e que as súas medidas non queden máis que nun simple e inútil esforzo, e poidan beneficiar á maioría.
As reformas que pedimos son:
1. Reforma da lei baseada no artigo 149.1.1º da Constitución, establecendo un dereito mínimo esixible para toda a poboación, á marxe do seu lugar de residencia. A propia Constitución, no seu artigo 47, mandata a todos os poderes públicos sen excepción a facilitar ese exercicio e impedir a especulación.
2. Incluír a obrigación aos grandes posuidores, de ofrecer alugueiro social antes de instar un proceso xudicial de desafiuzamento a persoas e familias vulnerables e ao realoxamento por parte das Administracións Públicas cando se inste por pequenos propietarios; de feito, prohibición de desafiuzamentos a familias vulnerables sen alternativa habitacional.
3. Limitar os prezos dos alugueiros e as súas subidas a un máximo do 30% dos ingresos, incluíndo alugueiro/hipoteca e subministracións.
4. Plan de Choque de ampliación do Parque Público: -coas vivendas da Sareb cedidas aos parques das CC.AA e concellos; -coa incorporación das vivendas da banca rescatada polo valor do rescate impagado; -coa mobilización das vivendas baleiras dos grandes posuidores e a posta en marcha de programas de solidariedade cidadá das de pequenos propietarios; -o desenvolvemento en todo o Estado dos dereitos de tenteo e retracto, así como a ampliación nos Plans de Vivenda dos orzamentos para concurso, compra directa e construción de vivendas de alugueiro.
5. Introducir mecanismos para que os concellos e/o a cidadanía poidan promover a declaración de zonas tensionadas.
Ademais das reformas sinaladas á lei, reclamamos medidas en políticas de vivenda, como a limitación dos efectos do euribor nas revisións das hipotecas variables e unha progresiva redución do gasto público en políticas de vivenda que non xeren beneficio colectivo, como os avais para hipotecas, orientando o investimento á expropiación de vivendas desocupadas (3,8 millóns acaba de cifrar o INE), e ir destinándoas a Parque Público para alugueiro alcanzable e de carácter social.
Non podemos esquecer medidas para evitar a perda de vivendas, como a dispoñibilidade de créditos brandos para familias ou colectivos especiais (maiores, discapacitadas, migrantes, violencia de xero, novas tutelados), a ampliación dos Códigos de Boas Practicas (CBP) e da moratoria hipotecaria que finaliza o 15 de xullo de 2024. Así como a modificación da LAU para o recoñecemento de contratos para sempre para certos colectivos e regulación dos alugueiros por habitacións, a responsabilidade limitada e medidas contra o sobreendeudamiento das familias, cunha segunda oportunidade que permita conservar a vivenda habitual, así como a dos avalistas e a garantía de subministracións básicas, evitando os cortes ás familias vulnerables.
Estas medidas, que resultan imprescindibles para que o Dereito á Vivenda comece a ser real, son os compromisos necesarios que reclamamos dos partidos progresistas, para que a xente saiba que políticas de vivenda apoian e a quen teñen que apoiar para avanzar no Dereito á Vivenda.