Plataforma de Afectadaspola Hipoteca de Pontevedra

Inicio / Alugueiro e ocupación

Alugueiro e ocupación

Os teus dereitos como inquilina e se vives sen contrato: prórrogas, subas, obras, conflitos coa propiedade e que facer se te demandan.

Novidades que che afectan

Novidade · outubro 2026

Novo decreto 29/2026: que cambia nos desafiuzamentos e no alugueiro

En vigor desde o 8 de outubro. Se te demandan por non poder pagar o alugueiro e es vulnerable, a Administración ten 2 meses para darche outra vivenda ou pagar a débeda, sexa quen sexa o caseiro; se non o fai, non hai desafiuzamento. Fronte a fondos e outros grandes propietarios, o xuíz pode parar o desafiuzamento ata 2030. Tamén serve se xa tes data de lanzamento.

Ollo: está pendente de convalidación e pode caer. Pídeo por escrito no xulgado canto antes.

Todo sobre o decreto, explicado →

O mesmo Real Decreto-lei 29/2026 inclúe outras medidas para inquilinas, tamén pendentes de convalidación:

  • Subas limitadas ao 2 % na actualización anual da renda ata o 31 de decembro de 2027.
  • Prórroga extraordinaria de ata dous anos para contratos que rematen antes do 31 de decembro de 2028, se estás ao día no pagamento e cumpres o resto de requisitos.
  • Alugueiros de tempada: teñen que responder a unha causa real e, como regra xeral, non poden durar máis de 12 meses. Se pasan de 12 meses sen que a causa o xustifique, ou se encadean máis de dous contratos temporais seguidos coa mesma persoa e na mesma vivenda, o primeiro pasa a contar como alugueiro de vivenda habitual, con todos os seus dereitos (artigo 9 bis da LAU).
  • Cuartos: a suma do que se cobra polos cuartos non pode superar o alugueiro do piso enteiro.
  • Dedución do 10 % no IRPF polo alugueiro da túa vivenda habitual, se a túa base impoñible é inferior a 33.007,20 €.

Outro decreto, o Real Decreto-lei 28/2026, cambiaría desde o 15 de novembro de 2026 o artigo 10 da LAU: pasados os 5 anos (7 se o propietario é empresa), se ninguén avisa, o contrato prorrogaríase por outros 5 ou 7 anos, o propietario tería que avisar con seis meses e, se non renova, pagarlle á inquilina unha indemnización (como mínimo doce mensualidades segundo o índice estatal de prezos, ou unha por cada ano vivido se dá máis), salvo excepcións como que necesite a vivenda para a súa familia. Só se aplicará se o Congreso o convalida. Contarémosche na asemblea como queda.

O teu contrato de alugueiro

As inquilinas somos a parte débil dun contrato que se pacta “libremente entre dúas partes”. Mentres non cambiemos a lei, o mellor é coñecer ben os nosos dereitos. O que segue baséase na Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), coas súas reformas de 2019 e 2023.

Que ten que pór como mínimo o contrato?

A identidade das partes, a vivenda, a duración, a renda e a fianza. Pide sempre o contrato por escrito e garda unha copia asinada.

Pódese negociar o contrato?

Si, e convén intentalo: a duración, a renda, quen paga cada gasto, se se actualiza a renda e como. Todo o que se pacte, por escrito.

Canto dura un alugueiro de vivenda?

Depende de cando asinaches:

  • Desde marzo de 2019 (e entre o 19 de decembro de 2018 e o 22 de xaneiro de 2019): aínda que o contrato diga menos, prorrógase ano a ano ata os 5 anos, ou 7 se o propietario é unha empresa. Só ti podes decidir marchar antes de cada renovación, avisando con 30 días.
  • Entre o 6 de xuño de 2013 e febreiro de 2019: mínimo de 3 anos.
  • Antes do 6 de xuño de 2013: mínimo de 5 anos.
  • Antes do 9 de maio de 1985: prórroga forzosa (renda antiga), con regras propias.

O propietario só pode non renovar antes dese mínimo se é unha persoa (non unha empresa), precisa a vivenda para el, para os seus pais ou fillos ou para o seu cónxuxe tras un divorcio, isto consta expresamente no contrato, pasou o primeiro ano e te avisa con polo menos dous meses. Se en tres meses non vai vivir alí quen dixo, podes volver á vivenda ou pedir unha indemnización (artigo 9.3 da LAU).

Que pasa cando remata o prazo mínimo?

Se ninguén di nada (o propietario ten que avisar con 4 meses e ti con 2), o contrato prorrógase ano a ano ata 3 anos máis.

A Lei de Vivenda de 2023 engadiu dúas prórrogas extraordinarias: ata 3 anos en zonas tensionadas (en Galicia sono A Coruña e Santiago; Pontevedra, a outubro de 2026, non) e 1 ano se estás en situación de vulnerabilidade e o propietario é gran tenedor. A isto súmase a prórroga do Real Decreto-lei 29/2026 que explicamos arriba.

Pódenme cobrar os gastos da inmobiliaria?

Non. Desde a Lei de Vivenda de 2023, os gastos de xestión inmobiliaria e de formalización do contrato págaos o propietario. Tampouco che poden esixir máis dun mes de renda por adiantado, e o propietario ten que darche recibo de cada pagamento.

Pódenme subir o alugueiro cando queiran?

Non. A renda só se actualiza unha vez ao ano, no aniversario do contrato, e só se o contrato o di. Se o contrato prevé a actualización pero non di como, aplícase o índice oficial de referencia para arrendamentos (IRAV) que publica o INE.

Co Real Decreto-lei 29/2026, a suba anual non pode pasar do 2 % ata o 31 de decembro de 2027 (e é do 0 % se a túa renda xa está por riba do índice de referencia), mentres siga en vigor. Se o contrato non di nada de actualizar, a renda non sobe.

Canta fianza me poden pedir?

A fianza legal é dun mes de renda. Ademais poden pedir garantías adicionais de como máximo dous meses máis (salvo contratos de longa duración). En Galicia o propietario ten que depositar a fianza no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS): pídelle o xustificante do depósito.

E os gastos de comunidade ou o IBI?

O IBI e os demais impostos da vivenda non chos poden pasar: págaos o propietario (artigo 20.1 da LAU, tras o Real Decreto-lei 29/2026). Os gastos de comunidade só os pagas se o contrato o di por escrito e indica o importe anual; se non, págaos o propietario. E durante os primeiros 5 anos (7 se é empresa) ese importe só pode subir unha vez ao ano e como moito o dobre do que poida subir a renda.

Obras e reparacións

Quen paga as reparacións necesarias?

O propietario ten que facer todas as reparacións necesarias para que a vivenda sexa habitable (pingueiras, humidades, instalacións…), sen subirche a renda, salvo que o dano sexa culpa túa. As pequenas reparacións polo desgaste do uso diario son cousa túa.

  • Avisa por escrito canto antes da avaría.
  • Se é urxente para evitar un dano grave, podes facer a reparación avisando o propietario e reclamarlle o custo.
  • Se as obras duran máis de 20 días, a renda redúcese en proporción á parte da casa que non podes usar.
  • Se non repara, podes pedir unha inspección á Administración. Na asemblea axudámosche co escrito.
E se o propietario quere facer obras de mellora?

Ten que avisarte por escrito con tres meses de antelación. Se non poden agardar, tes que soportalas, pero con rebaixa da renda se duran máis de 20 días. Só pode subir a renda por melloras pasados 5 anos de contrato (7 se é unha empresa).

Podo facer eu obras no piso?

Precisas o consentimento do propietario por escrito; se non, ao marchar poden obrigarte a deixalo como estaba, e as obras non autorizadas poden ser causa de desafiuzamento. Si podes, avisando por escrito, facer as obras necesarias para adaptar a vivenda a unha persoa con discapacidade ou maior de 70 anos.

Abusos e conflitos coa propiedade

O propietario quere que marche antes de tempo

Se tes contrato en vigor e estás ao día, non pode botarte sen máis: só nos casos que prevé a lei. Se di que precisa a vivenda e pasados tres meses nin el nin a súa familia viven nela, podes volver ou pedir unha indemnización. Avisa as túas veciñas para que estean atentas.

O propietario non me acepta o pagamento

Adoita pasar cando queren forzar un desafiuzamento por impagamento. Ofrece o pagamento por un medio que deixe constancia (burofax, transferencia, notario) e, se segue sen aceptalo, fai unha consignación de rendas no xulgado da túa localidade. Non precisas avogada para iso.

A miña parella ou un familiar era o titular do contrato

Podes subrogarte (quedar co contrato) se o xulgado che atribúe a vivenda nunha separación ou divorcio, avisando o propietario en dous meses. Se morre a persoa titular, poden subrogarse a súa parella, fillas, pais ou irmáns que convivisen con ela os dous anos anteriores, avisando en tres meses.

Non chego a pagar o alugueiro

Vai aos servizos sociais do teu concello antes de acumular débeda. En Galicia existe o Bono de Alugueiro Social do IGVS para persoas en proceso de desafiuzamento e outras situacións de vulnerabilidade: cobre ata o 100 % da renda dentro duns límites, cunha axuda extra de ata 600 € para débedas ou fianza. Pódese pedir ata o 30 de novembro de 2026 ou ata esgotar orzamento: explicámosche como máis abaixo. Para menores de 36 anos está o Bono Alugueiro Mocidade.

Se te demandan por impagamento

  1. Pide xustiza gratuíta en canto che chegue a demanda e comunícallo ao xulgado. Como se pide.
  2. Tes 10 días hábiles para pagar o que debes, opoñerte ou, se é a primeira vez, “enervar” o desafiuzamento pagando todo o debido (non se pode se xa o fixeches antes ou se che reclamaron o pagamento de xeito fidedigno polo menos 30 días antes da demanda e non pagaches; artigo 22.4 da LAC).
  3. Pide o informe de vulnerabilidade aos servizos sociais. Con el podes pedir a suspensión do lanzamento: 2 meses se o propietario é unha persoa e 4 se é unha empresa, pola Lei de Axuizamento Civil. E a do Real Decreto-lei 29/2026, moito máis longa, se cumpres os seus requisitos.
  4. Se é a túa vivenda habitual, o xulgado avisa os servizos sociais e infórmate de que podes acudir a eles. O que xa non se lle esixe ao gran tenedor é unha conciliación previa antes de demandar: o Tribunal Constitucional anulou ese requisito en xaneiro de 2025.
  5. Ven á asemblea con todos os papeis.

Xustiza gratuíta e Bono de Alugueiro Social

Se tes unha demanda enriba ou non chegas a fin de mes co alugueiro, hai dúas axudas que debes coñecer. Non son incompatibles: se tes dereito, pide as dúas.

Xustiza gratuíta: avogada e procuradora sen pagar

A Constitución (artigo 119) garante que ninguén quede sen defensa por non ter cartos. Se te demandan, tes dereito a unha avogada e unha procuradora de oficio, sen pagar, se cumpres os requisitos.

  • Quen ten dereito: se os ingresos da túa unidade familiar non superan 2 veces o IPREM (vives soa), 2,5 veces (unidade familiar de menos de catro persoas) ou 3 veces (catro ou máis). As vítimas de violencia de xénero e de trata teñen dereito sempre, sen mirar os ingresos.
  • Que inclúe: avogada e procuradora, peritaxes se fan falta, e quedas exenta de taxas e depósitos para recorrer.
  • Se pasas un pouco do límite, pídea igual: a lei permite recoñecela de xeito excepcional segundo as circunstancias familiares.

Como se pide

  1. Xunta os papeis: DNI ou NIE, empadroamento e libro de familia, xustificantes de ingresos (nóminas, paro, pensións, IMV ou RISGA, declaración da renda) e a demanda ou o papel que che chegou do xulgado.
  2. Cubre a solicitude (Anexo I) e, se convives con máis persoas, a autorización de cada unha (Anexo II). Preséntaa de tres maneiras:
    • En liña, na sede electrónica da Xunta (procedemento PR204A) ↗, con Chave365 ou certificado dixital. Podes gardar o formulario a medias e retomalo.
    • En persoa, imprimindo o formulario da mesma páxina, na oficina da Xunta en Pontevedra (rúa Fernández Ladreda, 43, 9º; 986 805 370) ou en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8; 986 817 017).
    • Tamén no Colexio da Avogacía ou no xulgado do teu domicilio, como prevé a lei de xustiza gratuíta.
    Para saber antes se tes dereito, o portal de Xustiza de Galicia ↗ ten unha calculadora. Dúbidas: teléfono 012 (de luns a venres, de 8 a 20 h).
  3. Comunícallo ao xulgado por escrito: que pediches xustiza gratuíta e a data. É importante para que os prazos non corran na túa contra. Descarga o escrito para cubrir e presentar no xulgado (Word) ou en castelán.
  4. O Colexio nomea unha avogada de oficio e a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta da Xunta decide de forma definitiva. Podes seguir o expediente en «A miña sede». Se cha deniegan, pódese impugnar a resolución (procedemento PR204B) ↗.
Ollo cos prazos nun desafiuzamento:cando o xulgado che entrega a demanda, adoita indicar un prazo de só 3 días hábiles para pedir xustiza gratuíta. Se a pides a tempo e o comunicas, o prazo para contestar á demanda pode quedar en suspenso ata que tes avogada. Non o deixes para mañá.

Bono de Alugueiro Social

É unha axuda da Xunta, xestionada polo IGVS, que paga parte ou a totalidade do teu alugueiro durante un tempo, pensada para familias en situación de vulnerabilidade e, sobre todo, para quen ten unha demanda de desafiuzamento por impagamento.

Ata o 100 %da renda, con alugueiros de ata 425, 500 ou 550 € ao mes segundo o concello
600 €de axuda complementaria única, por exemplo para débedas ou fianza
30 nov 2026último día para pedilo, ou antes se se esgota o orzamento
  • Quen pode pedilo: unidades familiares con ingresos de ata 1,5 veces o IPREM (ponderado segundo o tamaño da familia), empadroadas e vivindo en Galicia nos últimos 12 meses, sen outra vivenda en propiedade e sen parentesco co caseiro. Non se pide estar ao día con Facenda nin coa Seguridade Social.
  • Para quen está pensado especialmente: familias cunha demanda de desafiuzamento por impagamento presentada hai menos de nove meses (cun contrato de polo menos un ano), vítimas de violencia de xénero ou de trata, quen perdeu a casa por un incendio ou outro sinistro, quen viviu nun piso dun banco ou da SAREB cuxo contrato rematou hai menos de seis meses, persoas desafiuzadas por unha execución hipotecaria ou dación en pagamento, e mozos que saen dun centro de tutela da Xunta.
  • Contrato: tes que ter un contrato de polo menos un ano coa referencia catastral, ou poder asinalo. Se aínda non o tes, dan catro meses para presentalo despois de concederche a axuda.
  • Duración: concédese por 12 meses e pódese prorrogar, pero coa convocatoria actual ningunha axuda pode pasar do 31 de decembro de 2026.

Como se pide

  1. Pide o informe aos servizos sociais do teu concello. É o Anexo IV e sen el a solicitude rexéitase directamente. Fai isto primeiro, porque é o que máis tarda.
  2. Xunta o resto: a solicitude (Anexo I), a comprobación de datos de cada persoa da casa (Anexo II), o compromiso asinado por ti e polo caseiro coas contas bancarias (Anexo III), o contrato, o certificado de empadroamento conxunto de menos de tres meses e, se é o teu caso, a demanda de desafiuzamento.
  3. Preséntao en liña na sede electrónica da Xunta (procedemento VI482F) ↗, con Chave365 ou certificado dixital, ou en persoa na Área Provincial do IGVS en Pontevedra (rúa Alcalde Hevia, 7; teléfono 986 805 610).
  4. Espera a resposta: teñen tres meses. Se non contestan, enténdese denegada (silencio negativo), así que se pasan os tres meses, pregunta e reclama.
  5. Se xa o tes, pide a prórroga nos dous meses antes de que remate, cun informe novo dos servizos sociais.

Se tes unha demanda por impagamento, lembra que co decreto 29/2026 o xulgado tamén ten que avisar á Xunta para que pague a débeda ou che dea outra vivenda. Unha cousa non quita a outra: pide o bono igualmente.

Fontes oficiais: Xustiza de Galicia: asistencia xurídica gratuíta, Sede da Xunta: PR204A, Sede da Xunta: Bono de alugueiro social, IGVS. Datos consultados o 20 de outubro de 2026.

Documentos útiles

Sen contrato

Se vives nunha vivenda sen título e te denunciaron ou demandaron, tamén tes dereitos.

Vivir sen contrato

Moitas familias viven nunha vivenda sen título porque non teñen outra saída: pisos baleiros de bancos e fondos, contratos que venceron, vivendas herdadas… Na PAH non xulgamos a ninguén. Axudámoste a defenderte e a buscar unha solución habitacional digna, como un alugueiro social.

O máis importante é non quedares soa e vir á asemblea en canto recibas calquera papel: unha denuncia, unha citación ou unha demanda.

Que protección tes

  • Vivenda habitual. Nas demandas por precario ou de recuperación da posesión, a demanda debe dicir se é a túa vivenda habitual e se o propietario é gran tenedor, e o xulgado comunica o caso aos servizos sociais. A conciliación previa obrigatoria que engadiu a Lei de Vivenda de 2023 anulouna o Tribunal Constitucional en xaneiro de 2025.
  • Suspensión do desaloxo. Cun informe de vulnerabilidade dos servizos sociais podes pedir que se suspenda o lanzamento, segundo o tipo de procedemento e de propietario. O Real Decreto-lei 29/2026 amplía estas suspensións para persoas vulnerables sen alternativa habitacional; se o teu caso entra ou non depende de varios requisitos, así que revísao coa asemblea.
  • Inviolabilidade do domicilio. Se é a túa vivenda, ninguén pode entrar sen o teu permiso ou unha orde xudicial. Non abras a porta a empresas de “desokupación” e chama á asemblea. Le o noso manual Fronte ás empresas de desocupación.
  • Empadroamento. O padrón reflicte onde vives de verdade: o concello ten que empadroarte aínda que non teñas contrato. Estar empadroada é clave para os servizos sociais e para as axudas.

Que facer

  1. Empadróate na vivenda.
  2. Vai aos servizos sociais e pide un informe de vulnerabilidade.
  3. Pide xustiza gratuíta en canto che chegue unha denuncia ou demanda. Como se pide.
  4. Pide un alugueiro social por escrito ao propietario se é un banco ou un fondo.
  5. Ven á asemblea con todos os papeis.

Documentos útiles

Actualizado o 19 de outubro de 2026. As leis de vivenda están a cambiar moi á présa. Esta información é orientativa e non substitúe o asesoramento dunha avogada no teu caso concreto. Se ves algo desactualizado, escríbenos.

WhatsApp