Plataforma de Afectadaspola Hipoteca de Pontevedra
← Todas as novas

Recursos, Alugueiro

Fianza, subas, reparacións e caseiros que entran sen avisar: o noso manual do alugueiro

Portada do Manual do alugueiro en Galicia: casas de cores e unha chave
Portada do manual da PAH (outubro de 2026).

Moitas das consultas que chegan ao correo da PAH son de alugueiro, e repítense moito: «non me devolven a fianza», «o caseiro di que me sube cen euros ou que marche», «leva tres meses sen arranxar a caldeira», «entrou no piso sen avisar». Para non contestar o mesmo unha e outra vez, e sobre todo para que ninguén teña que esperar á seguinte asemblea para saber o básico, fixemos un manual.

Chámase Manual do alugueiro en Galicia, ten 39 páxinas e é de balde.

Catro cousas que moita xente non sabe

  • A fianza ten que estar depositada no IGVS. O caseiro ten un mes desde o contrato para facelo e darche o xustificante. Se non o fai, a multa vai de 300 a 3.000 euros. E pídeo igual: sen ese papel non podes desgravar o alugueiro na renda.
  • Sen pacto no contrato, non hai suba. E se o hai, só unha vez ao ano, nunca a metade, e cun tope. Ningún «ou pagas cen euros máis ou marchas» é legal mentres dure o contrato.
  • A caldeira, as humidades e as pingueiras págaas o caseiro. Ti, a bombilla e a xunta da ducha. E quen rompe, paga.
  • O piso é seu, pero a casa é túa. Mentres dure o contrato, o caseiro non pode entrar sen o teu permiso, nin sequera coa súa chave nin «para ver como está».

Un capítulo que pode sorprender

O manual trae tamén os problemas do caseiro: impagamentos, desperfectos, fin de contrato. Metémolo a propósito. Saber que pode reclamar el, e como, axuda a saber cando tes razón, cando non, e a negociar antes de que o problema chegue ao xulgado. Para defender ben a unha inquilina hai que saber como xoga o outro lado.

E desmonta varios erros que circulan moito por internet (algúns, por certo, saídos de resumos feitos con intelixencia artificial): que a conciliación previa cos grandes tenedores segue sendo obrigatoria, que en Galicia os pisos turísticos se poden alugar por cuartos ou que existe un «límite de tres meses».

Para ler con calma e ter a man

Está en castelán e pódese descargar en PDF. Ao final ten unha consulta rápida con cifras, prazos e modelos de escritos. Algunhas regras dependen do decreto 29/2026, que o Congreso aínda ten que convalidar, e van marcadas para que saibas cales son.

O manual axuda, pero non substitúe a unha avogada. En canto che chegue unha demanda ou corra un prazo, pide xustiza gratuíta e ven á asemblea.

← Todas as novas
WhatsApp