Plataforma de Afectadaspola Hipoteca de Pontevedra
← Todas as novas

Novas

#LaSAREBesNuestra: a campaña de 2015 e o que veu despois

O 21 de outubro de 2015 a PAH lanzou a campaña #LaSAREBesNuestra. A idea era sinxela: se as vivendas da Sareb se pagaron con diñeiro de todas, deberían servir para que viva a xente e non para facer negocio. Este texto recolle o que contabamos daquela, coas cifras revisadas, e o que pasou despois.

Que é a Sareb

A Sareb, o chamado «banco malo», naceu en 2012 dentro do rescate bancario pactado con Europa. Quedou cos restos da burbulla que as caixas e bancos rescatados non podían ou non querían ter nos seus balances: 198.211 activos, dos que 107.446 eran inmobles (pisos acabados ou a medio facer, locais, solares) e 90.765 préstamos a promotoras e construtoras que quebraran. Pagou por eles 50.781 millóns de euros, cun prezo fixado polo Banco de España, e pagounos con bonos avalados polo Estado.

Na súa orixe, o Estado, a través do FROB, tiña o 45,9 % das accións, e o resto era de bancos como Santander, CaixaBank ou Sabadell. O encargo era vender todo antes de 2027 e, se podía ser, gañando diñeiro. É dicir: a maior inmobiliaria do país, levantada con diñeiro público, tiña como misión vender, non aloxar.

O rescate que pagamos

Entre 2010 e 2012 o Estado meteu máis de 61.000 millóns de euros de diñeiro público nas entidades rescatadas, segundo os datos do Banco de España de 2013. De 45 caixas de aforro que había antes da crise quedaron dúas. Varias entidades nacionalizadas acabaron vendidas a outros bancos por catro cadelas: BBVA quedou con Unnim por un euro en marzo de 2012, e CaixaBank co Banco de Valencia polo mesmo euro ese mesmo ano. Catalunya Banc recibira uns 12.000 millóns de axudas antes de que BBVA a comprase en 2014.

Mentres, a xente de a pé pagaba os recortes en sanidade e educación e enchía os xulgados de execucións hipotecarias. As perdas, para todas. As ganancias, para moi poucos.

A campaña e o mapa

En 2014 a Sareb cedeu unhas 2.000 vivendas ás comunidades autónomas para alugueiro social. Para unha entidade con máis de cen mil inmobles, era pouco e tarde. Por iso a PAH presentou un mapa con unhas 30.000 vivendas da Sareb, localizadas a partir dos anuncios das inmobiliarias que xestionaban os seus activos. Era unha ferramenta para que a xente organizada soubese onde estaban as casas baleiras do seu barrio.

Mapa de España cuberto de marcadores verdes: as vivendas da Sareb localizadas pola campaña
O «megamapa» da campaña: unhas 30.000 vivendas da Sareb. A web onde estaba publicado xa non existe.

Daquela, segundo os datos da propia PAH, a Obra Social xa realoxara unhas 3.000 persoas en preto de 40 edificios recuperados, 18 deles da Sareb. Houbo vitorias que parecían imposibles: en Cataluña, a Sareb cedeu á Generalitat o Bloc Gràcia de Sabadell e o Bloc Bages 2 de Manresa, ocupados pola Obra Social, e as familias que vivían neles ían asinar contratos de alugueiro social. Ese mesmo ano o Parlament aprobou a lei que naceu da ILP das PAH catalás contra a emerxencia habitacional.

A demanda era clara entón e segue a selo agora: que a vivenda da Sareb, xa pagada por todas, se use para o que serve unha casa. Un parque público de vivenda, con alugueiros estables e asequibles.

Vídeo da campaña#LaSAREBesNuestraO vídeo co que a PAH presentou a campaña en 2015.Ver en YouTube ↗

Que pasou despois

Actualizado en outubro de 2026.

  • 2021-2022: a débeda da Sareb pasa a ser débeda pública. Europa obrigou a contar como débeda do Estado uns 35.000 millóns de euros que a Sareb aínda debía. En xaneiro de 2022 o Goberno cambiou a lei para que o FROB puidese ter a maioría, e desde abril dese ano o Estado controla a Sareb, co 50,14 % das accións. É dicir, a Sareb sempre foi nosa á hora de pagar; agora tamén o é no papel.
  • Vivenda social: pouca. A Sareb reservou unha bolsa de 15.000 vivendas para fins sociais, pero en 2023 só cedera unhas 3.000 a comunidades autónomas e concellos.
  • Dos fondos a Casa 47. En 2025 o Goberno decidiu que unhas 40.000 vivendas e 2.400 solares da Sareb pasen a Casa 47, a nova empresa pública de vivenda na que se transforma a Sepes, para un parque público de alugueiro asequible. Moitas desas casas están ocupadas ou precisan obras, así que irá para longo.
  • Fin da Sareb. A norma que a creou dálle quince anos de vida: a súa liquidación está prevista para finais de 2027.

Dez anos despois, o que pediamos en 2015 empeza a parecer sensato ata no Goberno. Iso non caeu do ceo: é froito de anos de presión. Toca vixiar que esas vivendas cheguen de verdade a quen as precisa, tamén en Galicia. Contámolo no noso informe sobre fondos, socimis e Sareb en Galicia e Pontevedra.

← Todas as novas
WhatsApp