Publicacións, Subministros
Frío na casa: o noso informe sobre a pobreza enerxética en Galicia

Na asemblea ninguén di «pobreza enerxética». A xente di que xa non acende a calefacción, que cea coa manta no sofá, que a roupa non seca e que lle saen manchas negras no teito do cuarto dos nenos. Di que lle dá medo abrir a factura da luz. Todo iso ten nome, ten cifras e ten algunhas ferramentas para defenderse. Por iso fixemos un informe: Frío na casa: a pobreza enerxética en Galicia e en Pontevedra.
Unha de cada seis
En 2025, o 16,3 % da poboación galega non puido manter a súa casa a unha temperatura axeitada no inverno, segundo o informe de EAPN Galicia con datos do INE. Baixou desde o pico de 2023, cando chegou ao 21,6 %, pero segue case no dobre que en 2008.
Antes frío que débedas
O dato que máis nos fixo pensar é outro. Galicia pasa máis frío que a media, pero atrásase menos nos recibos. E un estudo da Universidade Pontificia Comillas, con datos de 2020, situou a Galicia entre as comunidades con máis pobreza enerxética escondida: fogares que gastan en enerxía menos da metade do normal porque non se poden permitir máis. É a xente que non lle debe nada á compañía porque directamente non acende a calefacción. Non aparece en ningunha lista, pero pasa frío.
O que tes que saber hoxe
- Non che poden cortar a luz se tes o bono social e na casa hai un menor de 16 anos, dependencia de grao II ou III ou unha discapacidade do 33 % ou máis, acreditado polos servizos sociais.
- Ata o 31 de decembro de 2026 hai ademais unha garantía de subministración de auga e enerxía para os fogares vulnerables, polo Real Decreto-lei 7/2026.
- O bono social eléctrico desconta este ano o 42,5 % ou o 57,5 %, e quen o ten cobra tamén o bono social térmico sen pedilo.
- No canon da auga da Xunta hai exención total para fogares con moi poucos ingresos e un 50 % menos para as familias numerosas.
Lelo e compartilo
O informe está en castelán, ten 15 páxinas e pódese descargar en PDF. Cada cifra leva o seu ano e a súa fonte, e ao final contamos o que pedimos: que os cortes estean prohibidos para sempre, un bono social automático e casas que non deixen escapar a calor. Se queres a versión curta, está na nosa guía Luz, auga, gas e internet.
Se che chega un aviso de corte, non agardes: vai aos servizos sociais e escríbenos.