Recursos, Alugueiro
Se veñen á túa porta: manual fronte ás empresas de desocupación

Saen na tele con camisetas negras e música de película, e venden a idea de que hai un atallo para botar a alguén da súa casa sen pasar polo xulgado. Non o hai. Unha empresa privada non ten ningunha autoridade para entrar nunha vivenda, cambiar a fechadura ou cortar a luz. Cando o fai, os xulgados chámanlle coaccións, allanamento de morada ou ameazas, e xa hai condenas.
O problema é que, cando che chaman á porta, iso non o sabe todo o mundo. Por iso fixemos este manual: Fronte ás empresas de desocupación.
O máis importante, en catro liñas
- Non abras e non asines nada. Un papel imprimido por eles non ten valor legal.
- Grava desde dentro. É legal gravar unha conversa na que participas.
- Non respondas ás provocacións. Buscan que perdas os nervios para usalo en contra túa.
- Avisa á túa xente, á veciñanza e á PAH. Se intentan entrar ou te ameazan, 112.
Non só van contra a ocupación
Tamén aparecen en casas de inquilinos que deben uns meses, de xente co contrato vencido e mesmo de persoas ao día. En xaneiro de 2025, en Monforte de Lemos, equivocáronse de edificio e ameazaron a un veciño que non tiña nada que ver. Teñas contrato ou non, a regra é a mesma: sen un xuíz, ninguén te bota.
Que hai no manual
Dez páxinas en galego e en castelán, para descargar en PDF: como traballan, que facer na porta, o teu caso segundo a situación na que esteas, os delitos que poden estar cometendo, como deixalo todo rexistrado, que facer se che cortan a luz ou a auga e por que a veciñanza é a mellor protección. Ao final hai un anexo para a túa avogada, un modelo de denuncia e unha tarxeta para pegar detrás da porta.
Non nomeamos empresas nin persoas. Importa o que fan, non quen son. E a defensa que propoñemos é sempre pacífica: nada do que fagamos debe darlles a razón no xulgado.