Plataforma de Afectadaspola Hipoteca de Pontevedra
← Todas as novas

Recursos, Alugueiro

A lei de vivenda, contada para que se entenda

Portada da guía «Lei polo dereito á vivenda, para dummies»: unha casa cun corazón, unha chave e un libro aberto
Portada da guía da asemblea (outubro de 2026).

Cada semana alguén chega á asemblea cunha pregunta parecida: «Pero a lei de vivenda non dicía que…?». E case sempre a resposta é «depende». Depende de onde vivas, de quen sexa o teu caseiro, de se o Concello e a Xunta fixeron os deberes. Non é culpa de quen pregunta: a Lei 12/2023 está escrita para xuristas.

Por iso fixemos unha guía para todas as demais: Lei polo dereito á vivenda, para dummies.

Catro cousas que moita xente non sabe

  • A inmobiliaria págaa o caseiro, e tamén os gastos de facer o contrato. Se cos cobran a ti, non é legal.
  • Se te demandan para botarte da túa casa, o xulgado ten que avisar aos servizos sociais, e o xuíz pode parar o proceso ata 2 meses (4 se o dono é unha empresa) para buscar unha saída.
  • O lanzamento ten que levar día e hora exacta. Acabáronse os lanzamentos abertos.
  • Os límites aos alugueiros só funcionan nas zonas tensionadas. En Galicia, a día de hoxe, só A Coruña e Santiago. Pontevedra non.

E o que non fai

A lei non para os desafiuzamentos por si soa, non baixa os alugueiros fóra das zonas tensionadas e non obriga a darte unha vivenda nun prazo. É unha caixa de ferramentas: moitas só funcionan se a Administración decide collelas. Por iso tamén contamos que se lle pode pedir ao Concello e á Xunta.

Para lela con calma

A guía ten 14 páxinas, está en galego e en castelán e pódese descargar en PDF. Fixémola co texto consolidado do BOE, avisamos das partes que anulou o Tribunal Constitucional e ao final hai un anexo cos artigos para a túa avogada. Se tes un desafiuzamento en marcha, mira tamén a nosa guía do novo decreto 29/2026.

Ninguén nace sabendo de leis. Para iso estamos as unhas coas outras.

← Todas as novas
WhatsApp