Informes, Turistificación
Turistificación: cando a cidade se organiza para quen vén de visita

Na asemblea hai unha conversa que se repite. Alguén busca piso no centro e non atopa nada; ao saír, ve no portal do lado unha caixa de chaves con código. Alguén leva trinta anos na mesma rúa da zona vella e xa non coñece a ninguén na escaleira, porque a metade dos pisos cambian de xente cada fin de semana.
Ninguén na PAH está contra o turismo. Moitas das nosas veciñas traballan nel. O que nos preocupa é outra cousa: que pasa coa cidade cando unha parte cada vez maior dela se organiza para quen vén de visita e non para quen vive nela. Diso vai o informe que acabamos de publicar: Turistificación en Galicia e en Pontevedra.
Uns poucos números
- Case 500 pisos turísticos en Pontevedra a finais de 2025, con 2.520 prazas: máis do dobre das camas de todos os hoteis da cidade.
- Na zona vella, un piso turístico de cada dezasete.
- O alugueiro subiu un 50 % en sete anos, segundo as fianzas depositadas no IGVS, que reflicten contratos reais e non anuncios: de 443,8 € ao mes en 2018 a 667,3 € en 2025.
- No verán de 2024, das 469 vivendas turísticas inscritas no rexistro da Xunta na cidade, só 16 tiñan o permiso do Concello.
E unha contradición que vemos cada semana: quen traballa na hostalaría, o sector peor pagado segundo o INE, non pode pagar unha vivenda alí onde traballa.
Pontevedra fixo o máis difícil
A cidade quitou os coches do centro hai máis de vinte anos e decidiu que as rúas eran para as persoas. O Concello xa limitou os pisos turísticos e os tribunais déronlle a razón. Sería unha ironía triste que ese esforzo acabase servindo para botar a esas mesmas persoas.
Por iso o informe non se queda no diagnóstico. Fai propostas concretas e di a quen se lle pide cada unha: inspección de oficio dos pisos sen licenza, que a Xunta non dea de alta ningún sen informe municipal, límites por barrios no novo PXOM, unha ordenanza de terrazas que deixe sempre paso libre, e datos abertos para poder vixiar todo isto.
Lelo, compartilo e corrixilo
O informe está en castelán, ten 23 páxinas e pódese descargar en PDF. É da asemblea: se atopas algo mal, ou tes datos que nos faltan, escríbenos. Corríxese na asemblea.
E se non che renovan o contrato «porque o piso vai para outra cousa», non o leves en silencio. Ven.