Recursos, Hipoteca
Perdín a casa e sigo debendo: a nosa guía da segunda oportunidade

Na asemblea hai unha frase que oímos demasiadas veces: «Perdín a casa e sigo debendo diñeiro». É a herdanza da crise de 2008. O banco quedou co piso na poxa por moito menos do que valía, e a diferenza seguiu sendo débeda. Anos despois volve en forma de carta, de chamada dunha empresa de recobro ou de embargo da nómina. Ás veces nin sequera a reclama o banco, senón un fondo que a comprou por catro cadelas.
Para esas familias, e para quen se afogou en préstamos, tarxetas revolving ou débedas dun negocio que pechou, hai unha saída legal que moita xente non coñece ou coñece mal: a Lei de Segunda Oportunidade. Por iso fixemos unha guía: Segunda oportunidade: guía para deixar atrás as débedas.
Que é, en dúas liñas
Un procedemento xudicial que permite que unha persoa que non pode pagar, e que actuou de boa fe, lle pida a un xuíz que lle perdoe o que non pode pagar. Os acredores xa non poden reclamarllo nunca máis. Existe desde 2015, pero a reforma de 2022 fíxoa moito máis accesible.
Catro cousas que moita xente non sabe
- A débeda que queda despois da poxa pódese perdoar enteira, aínda que agora a reclame un fondo.
- Facenda e a Seguridade Social tamén perdoan, ata 10.000 euros con cada unha: os primeiros 5.000 enteiros e, a partir de aí, a metade.
- Se non tes nada que vender, hai un camiño curto, o concurso sen masa, que pode resolverse en poucos meses.
- Podes pedir xustiza gratuíta para non pagar avogada nin procuradora se os teus ingresos son baixos.
E dúas advertencias
A primeira: o perdón libérate a ti, pero non a quen asinou como avalista. Se os teus pais te avalaron, hai que estudalo antes de empezar.
A segunda: desde 2022 apareceron centos de despachos que prometen «cancelar as túas débedas en tres meses». Algúns traballan ben; outros cobran moito por adiantado e deixan os casos a medias. Antes de asinar nada, pregunta se tes dereito a xustiza gratuíta e tráeo á asemblea.
Lela con calma
A guía está en castelán, ten 16 páxinas e pódese descargar en PDF. Partimos dun titorial que circulaba entre compañeiras, revisámolo coa lei na man e corriximos o que cambiara: por exemplo, xa non fai falta un acordo extraxudicial previo nin se pide non ter rexeitado unha oferta de traballo.
Endebedarse non te converte nunha fracasada. E saír de debaixo da débeda é o primeiro paso para volver loitar.