Comunicados, Internacional
Xustiza para as vítimas de Flatbush: non máis mortes por especulación
O 11 de novembro, mentres remataba en España unha xornada histórica de folga xeral, as nosas compañeiras de Nova York vivían outra traxedia provocada pola especulación e pola codicia. Un edificio de tres plantas en 1321 Flatbush Avenue, en Brooklyn, derrumbase e mata a oito persoas novas:
- Nicole Daniela Salvada Rodriguez, 9 anos
- Kevin Santiago Reyes Gonzalez, 10 anos
- Gabriel Siguencia, 22 anos
- Barry Mamadou, 23 anos
- Edgar Sapon, 26 anos
- Jose Luis Caguana Cosquillo, 26 anos
- Juan Daniel Salvada Guzman, 31 anos
- Ndiaye Mamadou, 31 anos
Durante décadas os propietarios cobraron os alugueiros e enriquecéronse a costa das veciñas sen responder ás súas reclamacións nin preocuparse polo estado do edificio, que acumulaba un longo rexistro de infraccións. O desastre chegou cunha obra na finca contigua: en marzo o concello ordera paralizar a demolición por falta de garantías, pero esa orde tamén foi desobedecida en nome do lucro. O desastre era evitable. Ten responsables.
A especulación non é un accidente
O que pasou en Flatbush non é un caso illado nin un accidente incomprensible. É o resultado lóxico dun sistema no que un edificio vale polo que rende e non polo que protexe. Os propietarios non responderon ás queixas das veciñas porque non tiñan ningunha razón económica para facelo. Os inspectores emitiron ordes que ninguén cumpriu. E oito persoas morreron.
Desde a PAH mandamos a nosa solidariedade ás familias das vítimas e ás nosas compañeiras que loitan polo dereito á vivenda en Nova York. A súa loita é a nosa loita: que haxa vivendas dignas para todas e que a especulación non nos custe máis vidas. Non estades soas.