Informes, Análise
Os pisos que o Estado lle quita ao narco acaban en poxa, non en vivenda pública

O 19 de novembro póxanse en Madrid vinte e seis lotes de bens decomisados ao narcotráfico. Seis deles son inmobles do Salnés e de Pontevedra e suman uns 2,1 millóns de euros: un edificio enteiro na Illa de Arousa, dous inmobles en Sanxenxo, unha casa en Vilagarcía, un piso en Pontevedra e unha finca en Ribadumia. Á parte van unha ducia de locais en Santiago.
Cando isto sae no xornal, na asemblea a pregunta faina todo o mundo: se o Estado lle quita unha casa a un narco, por que non a converte en vivenda pública? Hai 17.634 fogares apuntados no rexistro de demandantes só na provincia de Pontevedra. Parece de caixón.
Fomos miralo, e o que atopamos non é o que esperabamos. Publicamos hoxe o informe completo.
Non é un esquecemento: está escrito na lei
A Lei 17/2003, que regula o Fondo de bens decomisados, pecha as dúas portas:
- O artigo 2 taxa os fins aos que se pode destinar o Fondo: prevención de toxicomanías e asistencia a persoas drogodependentes, persecución do tráfico de drogas e cooperación internacional. A vivenda non aparece.
- O artigo 3.1 taxa quen pode ser beneficiario. As comunidades autónomas e os concellos están na lista, pero só para os seus plans sobre drogas ou para dotar de medios ás súas policías. Unha consellería de vivenda non está. O IGVS, tampouco.
- O artigo 4.1 establece que os bens «enaxenaranse» como regra xeral. A cesión é excepcional e só para os fins do artigo 2.
Así que a culpa non é da Xunta, polo menos non nisto: a Xunta non pode pedir eses pisos para vivenda aínda que queira. A culpa é de quen escribiu a lei e de quen non a cambiou en vinte e tres anos.
Onde vai o diñeiro
O Fondo repartiu en 2025 un total de 28.649.241 euros: 13,85 millóns a prevención e tratamento, 12,3 millóns a policía, aduanas e fiscalía, e 2,5 millóns a gastos de xestión do propio Fondo. A vivenda, cero euros.
Para ser xustos, do Fondo si chega diñeiro a Galicia: en 2025, Vigo recibiu 228.873 euros, Lugo 162.299 e A Coruña 65.609 para programas de prevención de adiccións. Ese diñeiro está ben gastado e non imos dicir o contrario. O que dicimos é outra cousa: que o edificio de pisos véndese, e que o diñeiro do edificio non volve en forma de teito.
A Illa de Arousa atopou o resquicio
Hai unha porta aberta na lei actual, e un concello de pouco máis de cinco mil habitantes atopouna. Non é unha cesión: é unha compra.
En outubro, o edificio do Xufre —quince vivendas e dous baixos, en obra avanzada, tasado en 1.094.959 euros— retirouse da poxa do 19 de novembro. O Concello da Illa de Arousa comprouno por venda directa por 1,3 millóns, con pagamento aprazado a dez anos e o primeiro pagamento en 2027. Van ser vivenda pública.
E non era a primeira vez: a finais de 2024 o mesmo concello xa conseguira que se retirase outro lote e mercou tres terreos destinados a setenta vivendas sociais, un pavillón de deportes náuticos e un parque.
O alcalde, Luis Otero, resumiuno nunha frase que explica o informe enteiro mellor ca nós: «Onde antes houbo diñeiro do narcotráfico queremos que haxa fogares, familias e futuro». E engadiu, cos pés no chan, que quince vivendas «non resolven todo o problema», pero que «cada paso importa».
E a Xunta si sabe facer esa operación
Porque leva desde 2022 perseguindo á Sareb por todas as vías: propúxolle ceder solo para promoción pública, mercoulle 40 vivendas en marzo de 2023 por case 3,5 millóns repartidas en 16 concellos, reclamou en xuño dese ano a cesión gratuíta, mercoulle 22 vivendas máis por 2.049.421 euros en decembro de 2024, adxudicou dúas de Sarria xa reformadas en setembro de 2025, pediu ao Ministerio xestionar o parque da Sareb en novembro dese ano e en setembro de 2026 esixiu no Parlamento que complete a adxudicación de sete vivendas protexidas en Narón.
Hai que dicir tamén, porque é certo, que a Xunta pediu a cesión gratuíta e o Goberno negoulla: «descartan a cesión gratuíta e só se contempla a venda dos activos». A conselleira cualificou a situación de «absurda» e ten a súa parte de razón.
Dito doutro xeito: cando á Xunta lle interesa un parque de vivendas, perségueo catro anos, recláltao no Parlamento, mércao a prazos e refórmao.
E hai máis: a Xunta xa está dentro do circuíto
Isto non o esperabamos atopar. En Galicia existe desde xaneiro de 2016 un Servizo de Xestión de Bens Incautados, que presta a Fundación Galega contra o Narcotráfico xunto co Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña, ao servizo dos xulgados e da Fiscalía. Recolle os bens, deposítaos, valóraos e executa o que o xuíz decida: venda, devolución, depósito ou cesión para uso social a entidades sen ánimo de lucro e administracións locais.
E quen o sostén? A Xunta, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cun convenio anual. En 2018, o último dato publicado que localizamos, a achega era de 15.000 euros ao ano.
Pero ese servizo xestiona bens mobles: coches, furgonetas, un barco, equipos informáticos. Non inmobles. Os inmobles van ao Fondo estatal e de aí á poxa de Madrid.
Así que o cadro queda así: a Xunta ten unha pata metida na xestión de bens incautados desde 2016, por Xustiza, e esa pata contempla expresamente a cesión para uso social. Ten outra pata, Vivenda, que leva catro anos pelexando por cada piso da Sareb. E no medio, seis inmobles decomisados que saen a poxa na súa propia provincia sen que ningunha das dúas se mova. O que se moveu foi A Illa de Arousa.
A xente que vive dentro
Un piso decomisado non sempre está baleiro. O propio informe do Fondo describe que, cando o inmoble está ocupado, hai que facer «a investigación sobre a súa natureza xurídica e a regularización e control daquelas que o son con título xurídico válido e, nas que non o tiveran, a obtención do desaloxo dos seus ocupantes». E menciona «as rendas xeradas polos inmobles alugados», así que sabemos que hai inquilinos que lle pagan renda ao Estado.
O que non di é cantos. Nin cantos desaloxos se practican, nin que pasa co contrato de aluguer cando o piso se vende en poxa e cambia de dono. Imos preguntalo polo Portal de Transparencia.
O que pedimos
Ao Estado, modificar os artigos 2 e 3.1 da Lei 17/2003 para que os inmobles residenciais do Fondo poidan destinarse a vivenda pública, e establecer un dereito de tanteo a favor da administración de vivenda antes da poxa.
Á Xunta, nada que esixa crear un organismo novo: que Xustiza avise a Vivenda cada vez que un inmoble residencial entre no circuíto, que acuda ás poxas como leva catro anos facendo coa Sareb, que o IGVS leve un rexistro público destes inmobles e que apoie aos concellos que queiran facer o que fixo A Illa.
Todo o detalle, coas fontes e cos cadros, está no informe.
Descargar «Se vende» (PDF, 19 páxinas)
Datos do Informe sobre a actividade do Fondo de bens decomisados de 2025 (Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas), da Lei 17/2003, das convocatorias de poxa e das notas de prensa da Xunta. Os bens citados están decomisados por sentenza firme; non publicamos direccións nin datos de quen resida neles. 2 de novembro de 2026.