Alugueiro, Opinión
As cartas de Facenda polos alugueiros: pesca ao pequeno e escápaselle o grande
Deixámosvos un dato que vén ao pelo para o que falabamos de caseiros, inquilinas e impostos.
Desde hai dez anos, Facenda manda cartas aos propietarios que teñen pisos alugados e non os declaran. Non é unha inspección con multa, é un aviso: «oia, sabemos que aluga, póñao na renda». E como o saben? Polos anuncios de internet, polo que informan Airbnb e compañía e, sobre todo, polas fianzas que os propios caseiros depositan na comunidade autónoma. Ou sexa, que o caseiro que fai as cousas ben e deposita a fianza é o que deixa o rastro. Curioso.
Son datos deste verán de 2026. En 2024 falábase de 1.000 millóns: a cifra non deixa de medrar.
A parte que convén entender ben
Porque aquí é doado sinalar ao veciño. En España hai uns tres millóns de familias que cobran algún alugueiro. A maioría non son magnates: hai moita xente cun soldo normal que aluga o piso da avoa ou unha praza de garaxe e saca 600 ou 800 euros ao mes. Moitos declárano e pagan relixiosamente. Eses son os primeiros prexudicados polos que non declaran, porque compiten con eles en desvantaxe e porque o día que suban os impostos tocaralles a eles, que son os que están á vista.
E logo está o que non sae nestas cartas. Os grandes propietarios que teñen a vivenda en sociedades, fondos ou socimis non pagan IRPF por eses alugueiros, así que nunca reciben este aviso. O sistema pesca moi ben ao pequeno e escápaselle o grande.
Que pedimos
Por iso insistimos no que diciamos o outro día: fai falta unha fiscalidade que premie a quen aluga legal, a longo prazo e a prezo razoable, que axude á inquilina a desgravar parte do que paga, e que aperte de verdade a quen acumula pisos para especular. Non se trata de perseguir ao caseiro. Trátase de que quen cumpre non sexa o parvo da aldea.
Que pague quen ten que pagar, que cobre quen ten que cobrar e que as familias poidan vivir onde naceron. Non é pedir tanto.