Plataforma de Afectadaspola Hipoteca de Pontevedra
← Todas as novas

Mobilizacións

Unha semana de acampada: a vivenda segue na praza

A acampada pola vivenda de Pontevedra xa leva unha semana, e quen pensaba que coa primeira chuvia se desmontaba equivocouse. As persoas acampadas movéronse uns metros dentro da Praza de España, detrás do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, para poder poñer toldos. A veciñanza segue a levar comida, mantas e material. Hai quen pasa só a saudar e quen leva xa varias noites alí.

Contra o "rentismo racista"

O luns 13 de outubro a acampada convocou unha concentración contra o que chaman rentismo racista. O nome soa duro, pero describe algo que vemos a miúdo: persoas migrantes ou racializadas ás que lles piden o dobre de garantías, ás que lles din que o piso "xa está alugado" despois de escoitar o seu acento, ou que directamente atopan anuncios que avisan de que non se aluga a estranxeiros.

Houbo micrófono aberto, lectura dun manifesto e unha foliada na Alameda para pechar.

Convén sabelo: discriminar no acceso a unha vivenda é ilegal. A Lei 15/2022 de igualdade de trato prohíbeo expresamente. Se che está a pasar, garda probas: capturas do anuncio, mensaxes, correos ou o nome da inmobiliaria. E tráenolo á asemblea para ver que se pode facer.

Nace un colectivo pola vivenda

Ese mesmo luns, o Colectivo pola Vivenda de Pontevedra reuniuse en asemblea aberta no Pazo da Cultura e formou grupos de traballo para que a mobilización non remate cando se recollan as tendas. Estas son as súas demandas:

  • Regular os prezos do alugueiro.
  • Construír máis vivenda pública.
  • Regular de verdade os pisos turísticos e os alugueiros de tempada, que moitas veces se usan para saltarse a lei de arrendamentos.
  • Tomar medidas contra as vivendas baleiras.

Na PAH levamos anos repetindo unha frase que aprendemos a base de golpes: ninguén se salva soa. Cando unha familia vén á asemblea pensando que o seu caso é único, sempre descobre que alguén na sala pasou polo mesmo. Que en Pontevedra xurdan novos espazos para loitar pola vivenda é unha moi boa noticia, e imos estar aí.

Fontes: Diario de Pontevedra, PontevedraViva.

← Todas as novas
WhatsApp