Dicían que non cabían pero tras nove anos de loita, este mes de setembro, as demandas da PAH serán levadas ao pleno do Congreso. Un paso de xigante para facer realidade o Dereito á Vivenda en España.
Por fin a Lei de Vivenda da PAH será sometida á consideración do Congreso no próximo Pleno, do martes 18 de setembro.
Pasaron nove meses desde que foi rexistrada o 13 de xaneiro, avalada polos grupos parlamentarios de Unidos Podemos, ERC, EH- Bildu e Compromís. Despois de ser vetada polo anterior goberno do PP, a lei volveu á carga tras a sentenza do TC sobre o veto á LOMCE; e non sendo vetada polo Goberno actual, o Grupo Parlamentario de Unidos Podemos (Podemos, En ComúPodem, EU, En Marea e Equo) levaraa ao Pleno.Tras a ILP que levamos ao Congreso en 2013 avalada por 1,5 millóns de firmas, e que o PP transmutó en Lei 1/2013, denostada polo TJUE en varias ocasións, volvemos cunha lei elaborada polas familias afectadas, que aborda globalmente os problemas actuáis do acceso á vivenda en España: os desafiuzamentos, o endebedamento para sempre, a carencia de parque público de vivenda, os alugueres e a pobreza enerxética. A Lei debe superar o trámite da toma en consideración se PSOE, PNV e PDeCAT cumpren os seus compromisos adquiridos coa PAH e votan xunto aos grupos que xa avalaron o seu rexistro.
Desde 2013 ata hoxe, producíronse en España máis de 700.000 desafiuzamentos por falta de pagamento de hipoteca e, nos últimos anos, esta cifra viuse aumentada polos desafiuzamentos de aluguer. Os prezos de compra de vivenda están a volver a subir a ritmos próximos aos da época da burbulla, os alugueres soben a un ritmo moi superior, os fondos voitre non cesan de acaparar vivenda mentres seguimos sen parque público, xerando que miles de familias vivan en precario, e cada ano morren preto de 7.000 persoas en accidentes derivados da pobreza enerxética, e iso sen contar ademáis os suicidios provocados pola angustia ante a perda do fogar.
Con este panorama, esperamos que os representantes de a cidadanía estean á altura e sexan capaces de ir máis lonxe que a simple toma en consideración, e tramítena coa rapidez e fidelidade ao texto que a situación de emerxencia habitacional que sufrimos esixe. Aproveitamos para volver lembrar a José Luis Ábalos, secretario de Estado de Vivenda, o seu compromiso de reunirse coa PAH para abordar de maneira integral cuestións relacionadas coa política de vivenda do Goberno, sen que de momento teñamos data para a devandita reunión.
Longo foi o camiño, pero con paso firme, a sociedade civil organizada non se rendeu ante os abusos de poder e a vulneración sistemática dun dereito tan básico como é a vivenda. Pronto se cumprirán 10 anos dende que a PAH arrincamos con convicción e a clara determinación de acabar coas leis criminais e inxustas que temos neste país.
O obxectivo estaba claro: garantir o dereito a teito para todo o mundo como dita a nosa Constitución.
Hoxe é un paso histórico máis, froito do traballo de miles de familias, que desde a rúa, combateron a política do medo e o sentimento de culpa, levantando a cabeza e avanzaron, sen dar un paso atrás, para defender e gañar os dereitos de todas.
Si se pode!